Slide background
Slide background
Slide background
Slide background
Slide background
Slide background

Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro

A Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro (ACF O Fiadeiro) nace no ano 1996 co propósito de recoller, conservar e transmitir ás novas xeracións o legado da cultura inmaterial da tradición galega.

As culturas tradicionais confórmanse pola adición de información e contidos de xeración en xeración, e, nese sentido, unha como a nosa, é especialmente vulnerable á rotura desa cadea de transmisión. É preciso dicilo claramente, a cultura tradicional galega hai anos que está a esmorecer: este tesouro que nas xeracións pasadas conservouse na nosa memoria colectiva, na actualidade, corre o risco de desaparecer, polo que é preciso traballar na súa conservación para asegurar a súa permanencia.

Tradicionalmente, a educación e cultura propia de cada sociedade era aprendida na realidade próxima, familia, veciñanza, etc., ou, para quen puidese, dos mestres nas escolas. Na actualidade isto cambiou, porque a maioría da educación é oficial (Educación Primaria, Secundaria, etc.) e é completada pola televisión ou as redes sociais. Por outro lado, hai que ter en conta o desleixo das institucións locais, autonómicas e estatais, que fai que teñan que ser os cidadáns os que se organicen en asociacións que ocupen o papel que as persoas maiores tiñan no pasado como transmisores do coñecemento tradicional galego, coas diferenzas e eivas que iso supón.

Este é o marco no que nace O Fiadeiro e do que mana como obxectivo principal, a recolleita de material etnográfico directamente das súas fontes que son, fundamentalmente, a tradición oral e musical. É dicir, recoller as formas de baile e as diferentes danzas, a tipoloxía e morfoloxía das prendas de vestir e os seus usos e formas de portar, a socialización no lecer e no traballo, nos costumes, etc.

Con todos estes datos, faise un traballo de recompilación, estudo e arquivado para a súa posterior difusión mediante dúas canles paralelas e complementarias, mais confluentes nos obxectivos, a Agrupación e a Escola de O Fiadeiro. Deste xeito a Agrupación é a encargada de difundir a nosa cultura en forma de espectáculos, representacións, demostracións, etc., e a Escola a que procura aprender toda esa información a toda persoa desexosa de coñecela.