A Viaxe de José do Campo no IKFEM da Eurocidade Tui – Valença

Teatro Municipal de Tui, R/Colón, 2, Tui, Pontevedra

Data e hora

2019-07-17 a las 22:00 h.

IKFEM é o International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui – Valença, un evento que, partindo da música de instrumentos de teclado, ofrece un amplo abanico de propostas culturais cun marcado carácter transfronteirizo. IKFEM é sobre todo música, pero tamén é unha cita coa formación e unha oportunidade para descubrir o rico patrimonio cultural que atesouran as dúas marxes do río Miño, entre o suroeste de Galicia e o norte de Portugal.

En cada edición, o festival inclúe un atractivo calendario de eventos musicais e formativos nos que se inclúen master classes, workshops, talleres infantís e concertos, sempre centrados na familia dos instrumentos de teclado: piano, fortepiano, órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona, keytar, clavisimbalum, kalimba, viola de teclas ou teclado electrónico.

O programa artístico de IKFEM fortalece sinerxías entre a cultura portuguesa e a española, pois abarca un amplo abanico de xéneros musicais (medieval, barroco, clásico, electrónico, jazz, lírico, pop, indie, rock, folclórico e sinfónico), interpretados por músicos recoñecidos no panorama nacional e internacional.

Durante a celebración do festival, os espazos arquitectónicos máis destacados da Eurocidade transfórmanse en auditorios de excepción, achegando un valor engadido ao territorio do Baixo e o Alto Minho e ofrecendo unha oportunidade única para gozar do patrimonio histórico de Tui e Valença a través da música.

«A VIAXE DE JOSÉ DO CAMPO«, é unha historia musical contada dende O Courel ata Nova Orleáns… e o resultado do traballo do curso de 3º de Interpretación Xestual da ESAD de Vigo xunto ca A.C.F. O Fiadeiro, un traballo de meses que mestura interpretación e músicas e bailes tradicionais.

Este esforzo creativo, que está baseado no libro-disco homónimo editado por Ton e Son Editorial co Fiadeiro e creado por Xavier Balsas e Rafa Crespo no ano 2015, será representado dentro da programación do IKFEM de Tui – Valença o vindeiro mércores 17 de xullo, ás 22:00 horas, no Teatro Municipal de Tui.

As entradas son a 5 euros e poderán ser mercadas en venta no mesmo día no propio teatro (R/Rúa Colón, 2, Tui)

Agardamos por vos. Vai ser unha representación emocionante, vai ser unha viaxe incrible…