Presentación do libro/CD “A Requinta da Ulla, Obradoiro Riobó” de Rafael Carracedo Crespo

ACF O Fiadeiro, Rúa Xesús Fernández, 3, baixo, Vigo

Data e hora

2018-04-30 a las 20:30 h.

O próximo luns 30 de abril, ás 20:30, no local da ACF O Fiadeiro, teremos a honra de presentar o libro/CD “A Requinta da Ulla, Obradoiro Riobó” de Rafael Carracedo Crespo, e editado por Edicións Embora. Acerca deste título atopamos na páxina da editorial o seguinte texto introductorio:

“A requinta da Ulla é un instrumento musical tradicional galego, e como tal a súa historia está ligada a vida e á música do pobo onde se desenvolveu a súa actividade, concretamente no Val do Ulla. Dende a súa práctica desaparición (sobre os anos 80 do pasado século) ata hoxe, saíron á luz varios traballos imprescindibles para a recuperación deste fermoso instrumento tradicional, pero nunca tiveramos a ocasión de contemplar un cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros.

O traballo de transcrición de música sempre é unha difícil tarefa de estudo, limpeza e comprensión, mais sempre ten a súa recompensa cando con él se consigue resgardar e transmitir un patrimonio musical e inmaterial que estaba a piques de desaparecer.

Á parte das máis de oitenta partituras transcritas, este estudo contén a historia dos inicios e o desenvolvemento da frauta no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento, xénese da fermosa frauta ullá. Fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música, acompañan a esta historia
musical do noso pasado.

Por último, o lector poderá volver á vida os sons da requinta da Ulla e da súa contorna, coa gravación do CD que acompaña a este libro, que contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións que algún día soaron con forza e as que nos tempos actuais queremos devolverlle o seu protagonismo.”

Esperámosvos a todos!!!

Nota: a entrada é de balde ata completar o aforo.