Slide background
Slide background
Slide background
Slide background
Slide background
Slide background

Espectácuolos da A.C.F. O Fiadeiro

O Dende o seu nacemento no ano 1996, o obxectivo da ACF O Fiadeiro vén sendo a recuperación da cultura tradicional galega, con interese principal nos bailes, músicas e cantares dos nosos devanceiros, nun incesante traballo de investigación etnográfica e traballos de campo.
Buscando que esta tradición sexa proxectada a un amplo público, O Fiadeiro ofrece diversos espectáculos nos que transmite, o máis fielmente posible, as melodías, os cantos e os bailes tradicionais da nosa cultura, tentando dotar a cada interpretación dun interesante grao didáctico e vinculando cada unha aos usos e costumes tradicionais do noso pobo, sen renunciar a unha escenografía de grande forza e beleza estética.

VIII Gala “Esta noite hai unha fía: Nas Catro Esquinas”

charanga

Co ánimo de mellorar o coñecemento e, polo tanto, a consideración que a sociedade posúe da cultura tradicional galega, O Fiadeiro vén presentando dende o ano 1995 o seu formato de espectáculo etnográfico “Esta noite hai unha fía”. Esta proposta etnográfica, en cada unha das súas edicións, propón un percorrido polas diferentes expresións da cultura inmaterial galega, mesmo por aquelas dimensións que implican unha relación máis estreita cos oficios e traballos populares. Ata o día de hoxe presentáronse 8 edicións da Gala, con grande éxito, nos anos 1996, 1997, 1999, 2001, 2004, 2006 (“Gala do X aniversario”),2010 e por último, no ano 2015, a VIII Gala “Esta noite hai unha fía: Nas Catro Esquinas”.

Desta volta O Fiadeiro recrea as formas de festexar que tiñan os galegos nas diferentes zonas xeográficas, esas diferenzas e semellanzas que xuntas forman o conxunto de saberes que forxaron a identidade da cultura galega ao transmitirse de xeración en xeración.

Na nosa terra as festas populares sempre tiveron unha presenza fundamental. Como no resto das culturas, o espazo e os rituais das celebracións serviron para axudar á convivencia e ás relacións entre as persoas. Nese marco lúdico, as músicas e os bailes populares atoparon o seu acubillo natural, o medio para se conservar, o lugar onde se transmitir. Como en tantos outros asuntos, foi o lugar de orixe o que lles deu os nomes. Mentres que no Suroeste (Condado, Val da Louriña, Val Miñor, Val do Fragoso, etc.) recibiron o nome de seráns, no Noroeste (Bergantiños, As Mariñas, Compostela, etc.) son ruadas; polavilas cando nos diriximos cara o Oriente (Ancares, Fonsagrada, Courel, etc) e fiadeiros na esquina que resta, o Sueste galego. Nomes diferentes para referirse a realidades moi semellantes nos catro puntos cardinais do noso país. Reciban o nome que reciban, todas estas xuntanzas e costumes caracterizan, potencian e dan identidade á nosa cultura.

Neste espectáculo, O Fiadeiro reúne a un total de cincuenta artistas entre músicos e bailadores sobre unha idea orixinal e bailes de Miguel Souto, con arranxos musicais de Rafa Crespo e Javier Feijoó “Xisco” e vestiario de Begoña Martínez, constituíndo un reflexo da ampla variedade de ritmos e xeitos de bailar e tocar existentes en Galicia; unha variedade que ten a súa manifestación incluso no relativo á vestimenta, xa que cada baile conta cun vestiario diferente que o identifica coa rexión á que pertence.

Como é norma no traballo da agrupación, o contido do espectáculo está integramente baseado no traballo de campo realizado ao longo de todas as bisbarras galegas polos membros da agrupación desde a súa fundación en 1996. Isto converte a O Fiadeiro e á súa gala “Esta noite hai unha fía: Nas catro esquinas”, nun dos feitos culturais máis salientables do país no tocante á conservación e difusión do noso folclore.

Pandereteiras e Pandereteiros O Fiadeiro

Pandereteiras e Pandereteiros O Fiadeiro

Formado por máis de vinte voces entre femininas e masculinas, as Pandereteiras e Pandereteiros O Fiadeiro acompáñanse dunha variada instrumentación percutida, propia da tradición musical galega e dun repertorio que inclúe melodías de todos os recunchos do noso país, tentando ser o máis fiel posible á tradición, tanto na súa posta en escena como na súa interpretación.

Dentro do seu repertorio destacan temas asociados a momentos de divertimento tan usuais como son os seráns, os filandóns, as ruadas ou as polavilas, denominacións diferentes para un mesmo concepto. Todas estas suites son tocadas coa omnipresente pandeireta e tamén con instrumentos característicos de cada bisbarra, como as pandeiras para a montaña Nororiental, o pandeiro de catro esquinas en áreas como o Condado ou a Paradanta, a lata de pemento, a tixola, as cunchas, canaveiras ou as culleres.

Ademais das citadas “pezas de divertimento”, teñen unha presenza importante as melodías asociadas aos oficios, coma os cantos de arrieiro, capadores e canteiros, os asociados aos ciclos anuais, añas, espadeladas, fiadas ou das festas moi sinaladas coma os cantos de Reis e de Nadal. Cada canto acompáñase polo instrumento de percusión que lle corresponde, mazas para canteiros, legóns para as añas, etc.

Finalmente, as Pandereteiras e Pandereteiros teñen tamén no seu repertorio pezas nas que o canto e a percusión acompañan a instrumentos melódicos moi presentes na tradición musical galega, coma a gaita, o acordeón ou o violín.

En definitiva, dende a ACF O Fiadeiro podemos afirmar que as nosas Pandereteiras e Pandereteiros son garantes dun completo espectro de melodías, ritmos e estilos, os cales son representativos e fieis coa tradición musical de Galicia.

Charanga O Fiadeiro

Charanga O Fiadeiro

As charangas, aínda que algúns non as consideran formacións tradicionais, teñen unha longa tradición nas Rías Baixas, onde actúan como pasarrúas en moitas festas, sinaladamente nas do Entroido. Na formación tradicional, ao son das gaitas de fol, caixa e bombo, xúntase outros instrumentos de vento como o clarinete ou a requinta e tamén o acordeón ou as pandeiretas.

No caso da Charanga O Fiadeiro, esta agrupación musical composta por oito membros, interpreta, coas súas gaitas, saxofón, clarinete, requinta, acordeón e percusións varias, todo tipo de melodías e ritmos bailables propios da tradición ao longo das diferentes épocas. O grupo vén de gravar un proxecto discográfico con oito temas propios da música tradicional galega.

Orquestra O Fiadeiro

Orquestra O Fiadeiro

As orquestras populares representan unha época de transición na música popular galega que levaron os novos ritmos, cumbia, foxtrox, tango, xunto cos mais tradicionais, valse, pasodobre e aínda xotas e muiñeiras, aos torreiros das festas.

A Orquestra O Fiadeiro ten interese en recuperar tamén esta parte importante da nosa cultura popular. Para elo, baseados en referencias coma a de “Os Padernes do Courel” e o seu repertorio recollido no disco “Festa en Visuña. 1974”, construíron unha formación con saxo, clarinete, acordeón, trompeta, trombón e bombardino, ademais de gaitas, tambor e bombo, que presentaron oficialmente en xuño de 2011 no Teatro Afundación de Vigo, co gallo da gravación en directo do DVD da VII Gala "Esta noite hai unha fía: De oficios e labores", da ACF O Fiadeiro.

Baile e música O Fiadeiro

Grupo de baile

A ACF O Fiadeiro pretende dar mostra do seu amplo repertorio, tanto a pé de rúa coma nun escenario, sen ter que cinguirse a formatos deseñados para grandes teatros como a Gala “Esta noite hai unha fía”.

Por iso tamén lanzamos esta proposta, o espectáculo “Baile e Música O Fiadeiro” no que se conta co amplo repertorio de bailes e músicas proposto por cada sección da Agrupación e que se adapta segundo as necesidades de cada actuación. Así, cunha duración aproximada de 60 minutos, O Fiadeiro é capaz de ofrecer un espectáculo único, espontáneo e persoal, do que podemos dicir que abofé, non haberá dous iguais.

Para isto contamos co amplo repertorio preparado por cada sección da Agrupación: o Grupo de Baile, as Pandereteiras e os Pandereteiros e a Charanga e a Orquestra, que, combinados, ofrecen unha variedade de bailes e músicas, non só coa intención de ser interpretados, senón tamén buscando que o público se anime a ser partícipe do propio espectáculo.

Os temas interpretados, con diferentes ritmos e formacións, inclúen pezas como “Muiñeira e Jota de Riamonte”, Xota e Ribeinara de Santiago de Oliveira, Muiñeira de Pontegrixoa, Cantar “Aparta Vello”, etc.

Requisitos da parte contratante:

Os requisitos da parte contratante poden incluír aspectos como actuación na rúa ou escenario, lugar para cambiarse os artistas de diferentes dimensións, equipo de son e luces, RIDER (requirimentos técnicos), zona cotada para a actuación, etc. A ACF O Fiadeiro resérvase o dereito de solicitar os requisitos que considere oportunos e de aceptar ou rexeitar os ofrecidos pola parte contratante. En calquera caso, a variedade de posibilidades é tal que se aconsella facer unha consulta á Asociación previa a calquera contrato.