espectáculos de O Fiadeiro

Dende o seu nacemento en 1996, o obxectivo da ACF O Fiadeiro vén sendo a recuperación da cultura tradicional galega, con interese principal nos bailes, músicas e cantares dos nosos devanceiros, nun incesante traballo de investigación etnográfica.

Buscando que esta tradición sexa proxectada ao máis amplo público, O Fiadeiro ofrece diversos espectáculos nos que transmite, ca maior fidelidade posible, as melodías, os cantos e os bailes tradicionais da nosa cultura, tentando dotar a cada interpretación dun punto didáctico e vinculando cada unha aos usos e costumes tradicionais do noso pobo, sen renunciar a unha escenografía de grande forza e beleza estética.

Na actualidade os espectáculos de O Fiadeiro divídesen en espectáculos de Pandereteiras ou Pandereteiros, Charanga, Orquestra e Baile e música. Se queres, podes visitar o noso youtube onde atoparás vídeos de todos eles.

Pandereteiras e Pandereteiros O Fiadeiro

Formados por máis de vinte voces femininas e masculinas, as Pandereteiras e Pandereteiros O Fiadeiro acompáñanse dunha variada instrumentación percutida, propia da tradición musical galega e dun repertorio que inclúe melodías de todos os recunchos do país, tentando ser o máis fiel posible á tradición, tanto na súa posta en escena como na súa interpretación.

Dentro do seu repertorio destacan temas asociados  ao lecer, como os seráns, os filandóns, as ruadas ou as polavilas (nomes diferentes para un mesmo concepto).

Todas estas suites son tocadas coa omnipresente pandeireta e cos instrumentos característicos de cada bisbarra, como as pandeiras para a montaña Nororiental, o pandeiro de catro esquinas en áreas como o Condado ou a Paradanta, a lata de pemento, a tixola, as cunchas, canaveiras ou as culleres.

Ademais, tamén son importantes as melodías asociadas aos oficios, coma os cantos de arrieiro, capadores e canteiros, os asociados aos ciclos anuais, añas, espadeladas, fiadas ou das festas moi sinaladas coma os cantos de Reis e de Nadal. Cada canto acompáñase polo instrumento de percusión que lle corresponde, mazas para canteiros, legóns para as añas, etc.

O seu repertorio complétase con pezas nas que o canto e a percusión acompañan a instrumentos melódicos moi presentes na tradición musical galega, coma a gaita, o acordeón ou o violín.

En definitiva, dende a ACF O Fiadeiro podemos afirmar que as nosas Pandereteiras e Pandereteiros son garantes dun completo espectro de melodías, ritmos e estilos, os cales son representativos e fieis coa tradición musical de Galicia.

Charanga O Fiadeiro

As charangas, aínda que algúns non as consideran formacións tradicionais, teñen unha longa tradición nas Rías Baixas, onde actúan como pasarrúas en moitas festas, sinaladamente nas do Entroido. Na formación tradicional, ao son das gaitas de fol, caixa e bombo, xúntase outros instrumentos de vento como o clarinete ou a requinta e tamén o acordeón ou as pandeiretas.

No caso da Charanga O Fiadeiro, esta agrupación musical composta por oito membros, interpreta, coas súas gaitas, saxofón, clarinete, requinta, acordeón e percusións varias, todo tipo de melodías e ritmos bailables propios da tradición ao longo das diferentes épocas. O grupo vén de gravar un proxecto discográfico con oito temas propios da música tradicional galega.

Orquestra O Fiadeiro

As orquestras populares representan unha época de transición na música popular galega que levaron os novos ritmos, cumbia, foxtrox, tango, xunto cos mais tradicionais, valse, pasodobre e aínda xotas e muiñeiras, aos torreiros das festas.

A Orquestra O Fiadeiro ten interese en recuperar tamén esta parte importante da nosa cultura popular. Para elo, baseados en referencias coma a de “Os Padernes do Courel” e o seu repertorio recollido no disco “Festa en Visuña. 1974”, construíron unha formación con saxo, clarinete, acordeón, trompeta, trombón e bombardino, ademais de gaitas, tambor e bombo, que presentaron oficialmente en xuño de 2011 no Teatro Afundación de Vigo, co gallo da gravación en directo do DVD da VII Gala «Esta noite hai unha fía: De oficios e labores», da ACF O Fiadeiro.

Baile e música O Fiadeiro

A ACF O Fiadeiro pretende dar mostra do seu amplo repertorio, tanto a pé de rúa coma nun escenario, sen ter que cinguirse a formatos deseñados para grandes teatros como a Gala “Esta noite hai unha fía”.

Por iso tamén lanzamos esta proposta, o espectáculo “Baile e Música O Fiadeiro” no que se conta co amplo repertorio de bailes e músicas proposto por cada sección da Agrupación e que se adapta segundo as necesidades de cada actuación. Así, cunha duración aproximada de 60 minutos, O Fiadeiro é capaz de ofrecer un espectáculo único, espontáneo e persoal, do que podemos dicir que abofé, non haberá dous iguais.

Para isto contamos co amplo repertorio preparado por cada sección da Agrupación: o Grupo de Baile, as Pandereteiras e os Pandereteiros e a Charanga e a Orquestra, que, combinados, ofrecen unha variedade de bailes e músicas, non só coa intención de ser interpretados, senón tamén buscando que o público se anime a ser partícipe do propio espectáculo.

Os temas interpretados, con diferentes ritmos e formacións, inclúen pezas como “Muiñeira e Jota de Riamonte”, Xota e Ribeinara de Santiago de Oliveira, Muiñeira de Pontegrixoa, Cantar “Aparta Vello”, etc.

Requisitos da parte contratante:

Os requisitos da parte contratante poden incluír aspectos como actuación na rúa ou escenario, lugar para cambiarse os artistas de diferentes dimensións, equipo de son e luces, RIDER (requirimentos técnicos), zona cotada para a actuación, etc. A ACF O Fiadeiro resérvase o dereito de solicitar os requisitos que considere oportunos e de aceptar ou rexeitar os ofrecidos pola parte contratante. En calquera caso, a variedade de posibilidades é tal que se aconsella facer unha consulta á Asociación previa a calquera contrato.

Tormeal
Toneson
Gestradoc